Mensaxe de benvida do Presidente

Queridos Irmáns e visitantes:

É para min unha honra darvos a máis fraternal benvida ao Triángulo Masónico Lucus Augusti, un espazo que nace co firme propósito de traballar polo perfeccionamento moral, intelectual e espiritual de quen o integra, baixo os principios eternos da Masonaría.

Este Triángulo xorde impulsado pola Respetable Logia Simbólica Curros Enríquez nº 114, que traballa ao Oriente de Ourense, recollendo o seu legado, a súa experiencia e o seu compromiso coa Luz, a Tolerancia e o Progreso. Baixo o seu auspicio, iniciamos este camiño con humildade, mais tamén coa determinación de contribuír activamente ao desenvolvemento da Orde na nosa terra.

Que este novo obradoiro sexa un verdadeiro punto de encontro para o diálogo sincero e respectuoso, onde cada voz poida ser escoitada e cada idea valorada; un espazo de estudo constante e rigoroso, no que afondar no coñecemento simbólico e filosófico que nos guía; e tamén un lugar de traballo compartido, onde a fraternidade se traduza en accións concretas orientadas á construción dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis solidaria. Que aquí atopemos inspiración, apoio mutuo e a forza necesaria para seguir avanzando no noso camiño iniciático.

Nun tempo marcado pola inmediatez, pola velocidade e polo ruído constante, a Masonaría debe erguerse como un contrapunto de sosego, un refuxio para o pensamento sereno e a palabra meditada. É responsabilidade nosa fomentar o espírito crítico, a reflexión pausada e o discernimento, reivindicando aqueles valores que permiten construír unha sociedade máis consciente, equilibrada e verdadeiramente humana, onde o fondo prevaleza sobre a forma e o esencial sobre o efémero.

Recibide unha tripla aperta fraternal.

V.·.H.·. Robespierre.
Presidente